Archive for the ‘Sen clasificar’ Category

O cemiterio de Praga

Dende que leín “El nombre de la Rosa” busco recuperar a xenialidade de Umberto Eco, un dos deuses da literatura contemporánea que segue atragantándoseme pola densidade e o ecleticismo dos seus textos, “O cemiterio de Praga” resulta ser unha novela histórica espesa e deslabazada construída sobre a atractiva esquizofrenia do protagonista, un singular notario e abade que irrumpe como asasino, espía, falsificador e terrorista  no substrato ideolóxico da realidade histórica da época para ir artellando conspiracións nos poderes fácticos das loxias masónicas, os xesuitas e xudeos. O desbarre antisemita e anticristián parece que xa está a xenerar animadversións entre os aludidos, unha resposta anticipada por Eco que xogou a desenmascarar as ideoloxías que subxacen a cada movemento económico, político ou social como si se tratara dun comic. Lástima que sexa tan listo.

Jean François Rauzier


Hiperfotos de Jean Francois Rauzier que xoga coa composición de imaxes en alta definición dun xeito espectacular, o zoom aos detalles resulta morboso.

Violencia de xénero


Lutte contre les violences faites aux femmes
O colectivo "Violencesfaitesauxfemmes" está a desenvolver unha campaña contra a desensibilización cidadá respecto aos malos tratos, unha habituación ao sufrimento das persoas que viven preto de nós que semella facernos complices silenciosos das agresións.

apnea


 Algunhas visitas ao blog son das vítimas provocadas polo enganoso do seu título, quen anda na procura de información sobre a práctica deste deporte e se atopa con este batiburrillo cultural ten que xurar en arameo, sinto moitísimo ter utilizado "apnea" como metáfora dos meus mergullos na rede, para resarcir á xente perdida deixo este vídeo de William Trubridge batindo o record do mundo na modalidade de peso constante sen aletas, baixou a unha profundidade de 88 metros en tres minutos e medio. Unha filmación extraordinaria, son 3 minutos de asfixia compartida.   

Gripe A


Hai cerca de 20 anos asistín a unha conferencia sobre a VIH impartida por un dos membros do equipo de Luc Montaigner, quedeime absolutamente abraiado coa capacidade didáctica do seu discurso, hai que ter en conta que estas leccións maxistrais teñen a dificultade engadida de vir impregnadas de tecnicismos propios da divulgación científica, o que fai mais meritoria se cabe a súa presentación. Uns anos despois, formando parte dun tribunal de oposicións, unha das opositoras despertoume do letargo que producían as letanías infumables dos seus compañeiros e cunha clarividencia envexable desmenuzou o seu tema cunha destreza de ciruxana incuestionable, hoxe envíanme este vídeo da Doutora en Saúde Pública Teresa Forcades outro exempro de crarividencia extrema á que hai que renderse sen remisión, coa igrexa topamos.

Ave César

En Lugo temos cultura etílica, dende moi novos aprendimos a compartir a dialéctica co "viño", unha forma de deixarse levar polas emocións sen presa, o procedemento é doado, consiste en misturar razoamentos, viño e tapas (elemento absolutamente indispensabel),  para irnos achegando a unha realidade nova, construida dende outra perspectiva, unha maneira particular de coñecemento absolutamente placenteiro. Estes días algúnhas tascas da zona vella andan a cultivar este hedonismo introducindo modificacións gastronómicas de "nouvelle cuisine" que son auténticas delicatessen, hoxe fixemos unha parada técnica no "Ave César"  para catar a "Dolce Vita" : Tempura de folla de parra rechea de corzo e cogumelos sobre biscoito de castañas e chocolate salteado con froitas do bosque e pétalos de chocolate, acompañado con cóctel de viño branco da Ribeira Sacra. Pura gula.

Parkour +


Outros post relacionados:
Yamakasi / Parkour

Alaska

Nun veran hai sete anos trouxéronnos a casa unha boliña branca pequena con ollos de auga, unha gata preciosa que indultaron por eses falsos azares que provoca a fermosura,  viviu con nós con esa particular forma de entender o cariño que posúen os gatos, sen compromisos, cunha independencia arrogante que ás veces resultaba indignante polo xeito co que controlaba os afectos, ata que chegou a facernos dependentes dos seus caprichos. Durmía na cama do meu fillo Alejandro, o lugar que elexiu para vir morrer, posiblemente buscando o acougo que lle proporcionaban os seus brazos, un xesto bellísimo o buscar arroupamento xunto ao seu compañeiro no derradeiro fío de vida. Dende onte a nosa casa encheuse de tristura, unha fondísima dor que nos mantén en silencio, un exercicio durísimo para os meus fillos que tiveron onte o seu primeiro contacto coa morte, unha última emoción poderosa, como todas aquelas coas que nos obsequiou Alaska.

Gos d´atura

Este da foto é "Sultán", o meu can, un exemplar maxestoso de Gos D´Atura que non me da mais que satisfacións. Andei detrás de esta raza moito tempo, un capricho como outro calquera. A cousa foi que os tiña visto nunha reportaxe traballando no seu, que é o pastoreo, e quedeime prendado da súa intelixencia e esa beleza rústica que lles da un punto desastrado inigualable. Proveñen dos cans asiáticos chegados a Europa coas invasións dos bárbaros orientais e espallados posteriormente no continente polos romanos. Ten como parentes próximos ao Pastor dos Pirineos e ao pastor de bérgamo. Parece que en xacementos como os de Minferri atopáronse restos de cans de medida e estrutura moi semellante xa no neolítico cara ao 2000 ac. Con todo, non é posible determinar canto fai exactamente da presenza do que agora se entende por pastor catalán, xa que só se dispón de debuxos de 200 anos de antigüidade que dan testemuña da súa existencia. Ó meu modesto entender, estes "cuzos" deben sobrepasar os 4000 anos de cohabitación cos humanos, a lóxica é "Chomskiana",  a única explicación para a súa capacidade de aprendizaxe é que posúen unha estrutura cognitiva innata que os predispón para o entendemento co home. Podo asegurarvos que son animais únicos. A min tenme abraiado.
Gos d´atura

Jose Ignacio Salgado

Estou roto, teño unha dor tan inmensa que me está a destrozar, perdín a un amigo. Un home irrepetible que xestionaba a súa vida cunha mistura de bohemia e solidariedade, unha persoa que era capaz de facer simple o complexo cunha intelixencia insultante, e que rebosaba vitalidade dende a fortaleza do seu corpo, tanta que non consigo aceptar esta fatalidade. Non souben canto o quería ata hoxe que me sinto afogar no desconsuelo de non poder volver a velo. Quedará prendido a mín polos recordos da nosa adolescencia complice, pola nosa amizade dende unha distancia que me resultaba tan próxima, e polo nome do meu fillo co que o lembrarei cada día que me reste de vida. Deixo aquí estas palabras perdidas, como as que el susurraba aos cabalos, coa esperanza de que domen esta furia incontenible que sinto dentro do meu corazón. Maldito sexa quen mo arrebatou.