Archive for the ‘Música’ Category

Emily Jane White

Emily Jane White é unha das últimas incorporacións ao Neofolk americano, composicións intimistas, arroupadas cunha voz que evoca tristura, conseguen un coctel perfecto para os hipomaníacos. Este tema, na que introduce un cello para facer tambalear aos mais melancólicos, fixoa acreedora dun espazo na base de datos de acústica do blogue.

James Vincent McMorrow

James Vincent McMorrow é un músico irlandés cunha personalísima voz impostada que semella a dun eunuco, editou o seu primeiro CD no 2010 así que é un roockie ao que haberá que darlle un tempo, eu decidín incluílo na base de datos de acústica, aí queda.

James Vincent McMorrow @ Chasing The Moon from Scott McDowell on Vimeo.

The cinematic orchestra

The Cinematic Orchestra son unha banda de Jazz británica que aproxima o seus sons ao indie e á música electrónica. Habitualmente incorporan músicos para redondear as súas composicións con interpretacións excepcionais. O tema “To build a home” pertence á banda sonora de Anatomía de Grey e é interpretado por Patrick Watson. Unha preciosidade.

Dasher Youssef

Delicadeza é o que se me ocorre para describir o concerto de Dasher Youssef, un músico que consegue modulacións vocais próximas aos “mantras” que achegan ao espectador ao trance, unha secuencia rítmica cautivadora e chea de poesía que de pronto sucumbe á mestizaxe de ritmos occidentais. Cunha banda que desborda talento, con Stephane Galland na batería e Kristjan Randalu ao piano, encheu o Círculo de maxia. Onte foi un día grande de Jazz en Lugo, deses que non se esquecen.

Lizz Wright

Tremendísimo concerto onte no Círculo, sen importarlle o obxecto da convocatoria, Lizz Wright prescindiu do Jazz para facer un percorrido polos ritmos indie, soul, country, gospel, funky… Bestial. Cunha banda discreta pero eficaz puxo en pé ao auditorio noutra noite memorable do Festival, moito temos que agradecerlle a Alberto e Cía, non será doado volver a disfrutar de esta poderosísima voz en Lugo.

Lizz Wright – My Heart from GHOST on Vimeo.

Clave de fado

Facía anos que non vía a Pepe Piña,  lembroo facendo covers de Simon e Garfunkel nos vestiarios do club de beisbol Helios xunto a Alberto Leiro, tiñao asociado ao Folk Rock dos 70 pero está claro que Pepe prescinde das taxonomías, onte fun velo ao “Clavi” co grupo “En clave de fado” un concerto precioso construído coa sensibilidade de quen sabe movilizar emocións a través da música, alí descubrín a Iria Estévez, unha cantante bestial que non acabo de entender como non pasou os castings de Luar na Lubre, teño unhas ganas tolas de escoitar a Paula Rey para coñecer a maxia de quen eclipsou a poderosísima voz de Iria. En fin, unha noite doce de fados que aínda gardo no meu padal.

CLAVE DE FADO en TVG

Pepe Piña | Myspace Music Videos

Lionel Loueke


Lionel Loueke é un músico de Jazz con raíces afro que fai experimentos coa guitarra e a voz conseguindo unhas testuras musicais fantásticas. No vídeo coloca uns papeis entre as cordas da “ovation” para incrementar o efecto da percusión. Un luxo.

Plink

Facía tempo que non posteaba xogos, pero levo un pedazo enganchado a este artefacto de software que deseñou Dinahmoe para Chrome (seguramente necesitedes este navegador para probalo). Plink é un sintetizador interactivo que permete “xogar” simultaneamente con varios usuarios, sobre unha base melódica sinxela vas introducindo os instrumentos que che apetezan premendo nas cores da esquerda. Absolutamente adictivo.

Stone sour

Sempre pensei que os grupos de heavy compoñían as mellores baladas do mundo, unha especie de exercicio de autodisciplina para contrastar a agresividade que os caracteriza. A semana pasada Guille, batería dos “No Nation“, envioume esta delicatessen acústica dos “Stone sour” un grupo de hard rock no que ademais militan o vocalista e o guitarra de “slipknot“, cousas veredes.

Thomas Dybdahl

Thomas Dybdahl é un musico noregués que pasou por distintas bandas sen pena nin gloria ata que se emancipou para darlle unha nova perspectiva a súa carreira como guitarrista, a súa voz ten un timbre doce, que tanto pode resultar cautivador como empalagoso, a min chamoume a atención o seu estilo melódico e a sencillez dos temas que se deixan escoitar mentras traballas como unha banda sonora relaxante.

Youn sun Nah

Cover do “Jockey Full of Bourbon” de Tom Waits interpretado pola cantante coreana Youn Sun Nah. Unha voz do Jazz que dará moitísimo que falar. Esta muller non comezou a cantar ata os 27 anos e o fixo dun xeito azaroso presentándose a un casting para unha comedia musical, de calquera xeito tiña unha carga xenética propicia, o seu pai foi director do Coro Nacional de Corea e a súa nai cantante,  un bagaxe que xustifica a súa expresión xenética musical. Os rexistros da súa voz son infinitos, un auténtico prodixio.

Biel Ballester Trío

Na líña do Gipsy Jazz ou Manouche, como lle chaman os franceses, descubrín a través dun amigo a Biel Ballester Trío, uns dignísimos herdeiros do estilo de Django Reinhart. Por Lugo pasaron, nunha desas semanas de Jazz memorables, os Django Reinhart  Tributo facendo un espectacular concerto a 3 dedos que epatou a audiencia, Biel atópase dentro dese pequenísimo grupo de virtuosos da música que manteñen vivo o Gipsy Jazz neste país.

Ryan Bingham

Ryan Bingham é un vaqueiro curtido nos rodeos e reconvertido a músico de country, a súa poderosa voz aguardentosa dalle un carisma especial aos temas , eu escollín para este post o cover de “The Weary Kind” da película “Crazy Heart”, pero o seu último traballo “Junky Star” xunto a banda “The Dead Horses” merece moito a pena.

the xx

Hoxe veu verme o meu sobriño Aitor, outro dos que entran en “fnac” e desconectan da vida para mergullarse horas enteiras entre vinilos, libros e tecnoloxía, porno en estado puro imposible de eludir, de alí trouxome este fantástico agasallo musical, “The XX” unha banda londinense que grabou no 2009 un CD memorable que non deixo de escoitar, auténticox talentox.

Madeleine Peyroux

Madeleine Peyroux posúe unha voz entre o soul e o jazz cultivada entre USA e Paris, os seus temas son sinxelos cunha cadencia ritmica que fai mover os pes, seguramente aí resida ao seu atractivo, en manter un estilo de música de rúa que parece metamorfosear cara a delicadeza cando actúa nun escenario. Elexín este cover de
“You’re Gonna Make Me Lonesome When You Go” de Bob Dylan que ten unha textura blusera absolutamente maxistral.

Madeleine Peyroux – You’re Gonna Make Me Lonesome When You Go from George Scott on Vimeo.