Archive for the ‘Jazz’ Category

Beth Orton

Beth Orton é unha polifacética música inglesa que se move entre multitude de estilos, dende o folk e o indie ata o Jazz. Tardou en iniciar a súa carreira musical pro mor de mil vicisitudes que incluiron traballos en precario, e anos de reflexión budista en Tailandia trala morte por cáncro da súa nai. O resultado de toda esta vida desproporcionada é unha muller trotamundos que posúe unha solidez artísitica excepcional. O vídeo que deixo posteado é unha auténtica fermosura que se marca xunto a Terry Callier.

The cinematic orchestra

The Cinematic Orchestra son unha banda de Jazz británica que aproxima o seus sons ao indie e á música electrónica. Habitualmente incorporan músicos para redondear as súas composicións con interpretacións excepcionais. O tema “To build a home” pertence á banda sonora de Anatomía de Grey e é interpretado por Patrick Watson. Unha preciosidade.

Dasher Youssef

Delicadeza é o que se me ocorre para describir o concerto de Dasher Youssef, un músico que consegue modulacións vocais próximas aos “mantras” que achegan ao espectador ao trance, unha secuencia rítmica cautivadora e chea de poesía que de pronto sucumbe á mestizaxe de ritmos occidentais. Cunha banda que desborda talento, con Stephane Galland na batería e Kristjan Randalu ao piano, encheu o Círculo de maxia. Onte foi un día grande de Jazz en Lugo, deses que non se esquecen.

Lizz Wright

Tremendísimo concerto onte no Círculo, sen importarlle o obxecto da convocatoria, Lizz Wright prescindiu do Jazz para facer un percorrido polos ritmos indie, soul, country, gospel, funky… Bestial. Cunha banda discreta pero eficaz puxo en pé ao auditorio noutra noite memorable do Festival, moito temos que agradecerlle a Alberto e Cía, non será doado volver a disfrutar de esta poderosísima voz en Lugo.

Lizz Wright – My Heart from GHOST on Vimeo.

Lionel Loueke


Lionel Loueke é un músico de Jazz con raíces afro que fai experimentos coa guitarra e a voz conseguindo unhas testuras musicais fantásticas. No vídeo coloca uns papeis entre as cordas da “ovation” para incrementar o efecto da percusión. Un luxo.

Youn sun Nah

Cover do “Jockey Full of Bourbon” de Tom Waits interpretado pola cantante coreana Youn Sun Nah. Unha voz do Jazz que dará moitísimo que falar. Esta muller non comezou a cantar ata os 27 anos e o fixo dun xeito azaroso presentándose a un casting para unha comedia musical, de calquera xeito tiña unha carga xenética propicia, o seu pai foi director do Coro Nacional de Corea e a súa nai cantante,  un bagaxe que xustifica a súa expresión xenética musical. Os rexistros da súa voz son infinitos, un auténtico prodixio.

Biel Ballester Trío

Na líña do Gipsy Jazz ou Manouche, como lle chaman os franceses, descubrín a través dun amigo a Biel Ballester Trío, uns dignísimos herdeiros do estilo de Django Reinhart. Por Lugo pasaron, nunha desas semanas de Jazz memorables, os Django Reinhart  Tributo facendo un espectacular concerto a 3 dedos que epatou a audiencia, Biel atópase dentro dese pequenísimo grupo de virtuosos da música que manteñen vivo o Gipsy Jazz neste país.

Madeleine Peyroux

Madeleine Peyroux posúe unha voz entre o soul e o jazz cultivada entre USA e Paris, os seus temas son sinxelos cunha cadencia ritmica que fai mover os pes, seguramente aí resida ao seu atractivo, en manter un estilo de música de rúa que parece metamorfosear cara a delicadeza cando actúa nun escenario. Elexín este cover de
“You’re Gonna Make Me Lonesome When You Go” de Bob Dylan que ten unha textura blusera absolutamente maxistral.

Madeleine Peyroux – You’re Gonna Make Me Lonesome When You Go from George Scott on Vimeo.

Ernest Ranglin


Unha pequena delicatessen musical para comezar o ano Ernest Ranglin, guitarrista xamaicano de 77 anos considerado o precursor do "Ska", un músico que se move entre o Jazz e o Reggae e que fai cousas tan brillantes como este "Surfin". Unha suxestión do meu amigo Xavier Rancaño que me regalou "Ernest Ranglin Quintet – Live in Paris 2002" unha xoia de obrigada inclusión na discoteca básica de calquera melómano.

XIX Jazz

Comezou o XIX Festival de Jazz de Lugo, 19 anos de luxo asiático na nosa cidade, onte recuncou no Círculo Roy Hargrove, un trompetista de 40 anos que parece estar vivindo a séptima reencarnación pola súa virtuosidade interpretativa. Un chulo que pasea polo escenario coa arrogancia do que se recoñece a sí mesmo como un deus menor e que se fai acompañar por 4 músicos excepcionais, eu alucinei con Justin Robinson, un saxofonista impecable que estou seguro de que se colará no olimpo dos Jazzman. Os concertos de Jazz posúen unha maxia inexplicable, o clima que se respira produce unha especie de catarse colectiva, unha sensación de complicidade co grupo que te fai sentir ben, moi ben. Quedannos 2 xoias Kurt Elling e Kenny Barron, só con pensalo sorrío.