Archive for the ‘Pintura’ Category

Michael Peck

Michael Peck é un pintor hiperrealista australiano que utiliza esta técnica en contraste coas realidades proxectadas nas súas obras onde a percepción dun mundo preapocalítico e gris parece corresponder a unha ideación onírica. Fantástico.

Ben Slow

Ben Slow é un artista londinense que desenvolve o seu traballo pictórico sobre paredes, unha forma de urban art que ofrece resultados espectaculares, os seus retratos sobre testuras arquitectónicas son xeniais. Ver Blog.

O pintor de números

Roman Opałka é un pintor francés de orixe polaco falecido no pasado agosto a piques de cumprir os 80 anos, a súa obra ten a particularidade de estar restrinxida a reproducir números correlativos dende o un ata o infinito, comezou no ano 1965 e non deixou de producir cadros ata o seu falecemento, todas as obras posúen a mesma dimensión (196×135) o tamaño da porta do seu estudio. Unha curiosa obsesión matemática que deixou pezas dunha extraordinaria beleza. Ver galería.

Pintar

Ruel Pascual “To Hold You” Painting Process from ruelpascual on Vimeo.

Nos meus anos en Valencia compartín piso e vida cun grupo de pintores dos que só me quedan lembranzas cargadas de nostalxia, eran bos tempos para a lírica, encaixabamos os golpes baixos coa destreza dun faxador e rematabamos os meses con dietas de ovos fritos e arroz branco. Eu pasaba horas na habitación de Xurxo vendo como traxinaba cos pinceis para ir transformando o lenzo nunha película animada ata rematar cunha obra que nada tiña que ver coa primeira intención, ou eso era o que a mín me parecía. Hoxe atopei este vídeo de Ruel Pascual que me evocou ese proceso máxico xeneralmente restrinxido ao pracer onanista dos artistas, pintar.

Enno de Kroon

Unha particular fórmula cubista á do holandés Enno de Kroon que utiliza embases de ovos como lenzos das súas obras.

Dennis Peterson

Dennis Peterson é considerado un dos precursores do hiperrealismo, os seus traballos en acrílico semellan fotografías cargadas de compromiso social, un vehículo de denuncia fronte ao ninguneo dos gobernos cara aos mais desfavorecidos. Cada obra supón un contraste entre a minuciosa técnica pictórica e a mecánica fotográfica onde a realidade é representada tras un sinxelo e efímero “clic”.

Kim Sung Jin

O coreano Kim Sung Jin desenvolve unha particular forma de hiperrealismo facendo aproximacións telescópicas da realidade que multiplican a sensualidade da súa obra, a definición dos beizos femininos cun vermello deslumbrante non pode ser mais concupiscente.

Fabián Pérez

Fabián Pérez é un pintor arxentino que se move entre o expresionismo e o realismo. A súa obra merece unha ollada.

Leszek Sokol

Leszek Sokol é un artista polaco que rescatou o manierismo para o arte contemporáneo, as suas creacións semellan ilustracións de contos infantis, onde a realidade é representada dun xeito onírico e inxenuo con perspectivas extremas dos personaxes.Fantástico.
Ver galería 1 galería 2