Archive for the ‘Fotografía’ Category

Wolf Ademeit

WatussisFotografías “bestiais” do alemán Wolf Ademeit Ver Galería

Stefano Bonazzi

Stefano Bonazzi é un fotógrafo italiano especializado na composición fotográfica, os seus traballos surrealistas representan ficións oníricas coas que recompón a realidade. Comparte a técnica fotográfica co carboncillo obtendo auténticas belezas. Ver galería

Liquid Art

O alemán Markus Reugels fotografía líquidos, nun milisegundo e coa axuda do Photoshop descobre a beleza efímera dos fluídos, dende a auga, percibida como elemento esencial da vida, ata os rastros imperceptibles que nos regala o café ou o viño en movementos segredos que agochan mensaxes suliminais de fermosura son capturados en imaxes por este fotógrafo. Un placer licuante.

Cine e locura

Onte, dentro das xornadas “Entre Marbella e Torremolinos” [imaxes de manicomio], asistin á ponencia de Luis Vila Pillado “Cine e locura”, unha sorpresa de erudición cinéfila a de este home que foi facendo un percorrido polas distintas formas de entender os trastornos mentais no cine e a súa correlación coa categorización histórica da enfermidade, foinos transportando a través das imaxes á conceptualización da saúde mental dos xenios do séptimo arte, Buñuel, Fellini, Bergman, Polanski, Visconti… Unha mirada intelectual na que prescindiu dos prototípicos filmes comerciais para furgar na arqueoloxía cinematográfica ata atopar as lecturas mais significativas da locura. O cine posúe unha capacidade brutal para modificar comportamentos e para movilizar emocións, trátase dunha ferramenta terapéutica que traballa nun plano inconsciente, de xeito silencioso, pero cun impacto incuestionable. Foi unha noite distinta, un mergullo na erótica da demencia a través do cine rodeados por unha extraordinaria mostra fotográfica de Xosé Reigosa que merece unha visita, tanto a exposición como a súa web.

Adolfo Enríquez

Hai preto de 40 anos dous dos meus profesores, Siña e o xa falecido Carlos Varela, fixeron unha reportaxe fotográfica e mais unha curta en super 8 sobre a “rapa das bestas”, todo un luxo daquela contar cunha instrución nas artes do cine e a fotografía. Hoxe lembreinos ao atopar o traballo de Adolfo Enríquez, un fotógrafo Santiagués que capturou en imaxes a esencia antropolóxica desta festa. O traballo foi recoñecido co Premio LUX ao mellor reportaxe temático. Ver.

Baldomero Pestana

Traballo dende hai 11 anos en Castroverde, unha vila fermosa cun entorno natural dunha beleza pouco coñecida, tal vez polo silencio político ao que estivo sometida durante anos, o caso é que vai pasando o tempo e vou descubrindo recunchos da súa cultura insospeitadamente extraordinarios, o último foi Baldomero Pestana, un debuxante e fotógrafo vítima da diáspora de primeiros de século. Este home autodidacta posúe un asombroso talento para o debuxo, a súa obra hiperrealista consegue unha forza inconmensurable fragmentando a realidade en imaxes sen rostro que ofrecen unha visión fotográfica da realidade social na que habita. Fantástico.

Eric Marrian

Eric Marrian é un arquitecto e fotógrafo francés que consegue coas súas obras de corpos espidos difuminados sobre branco debuxar xeografías corporais que semellan obxectos e paixases oníricos. Fantástico. Ver galería

Bodyscapes

Curiosas fotografías de Allan Teger, utilizando a xeografía dos corpos constrúe paixases inéditos nos que o erotismo se desvanece na comicidade das composicións. Inxenioso.

Ver Portfolio

Oliver Valsecchi

Dust é o último traballo do fotógrafo Oliver Valsecchi, unha alegoría das pulsións de vida e morte, corpos espidos sobre polvo. Fermoso.

Jean François Rauzier


Hiperfotos de Jean Francois Rauzier que xoga coa composición de imaxes en alta definición dun xeito espectacular, o zoom aos detalles resulta morboso.

Donald Miralle

Donald Miralle, excepcional freelance vencellado á fotografía deportiva.

Mehmet Ozgur

O fotógrafo e inxenieiro turco Mehmet Ozgur realiza uns traballos con fume que resultan fascinantes.
Ver Portafolio 

Magnus Muhr

O fotógrafo sueco Magnus Muhr compón viñetas humorísticas utilizando insectos mortos…creatividade mosqueante. 

Olivia Arthur

Olivia Arthur é unha inglesa licenciada en matemáticas dedicada á fotografía documental. Os seus traballos: "The Middle distance", no que fai unha aproximación á muller vista dende a franxa das culturas oriental e occidental é "In the name of god"  un paseo pola casta dos Ramnamis, intocables expulsados dos templos hindús que decidiron tauarse no corpo e na faciana "Deus podería estar connosco tamén", son excepcionais.   

Bobby Neal Adams

Curioso experimento do fotógrafo americano Bobby Neal Adams, que realiza collages con imaxes da mesma persoa tomadas a distintas idades da súa vida, consegue unha curiosa triple falacia perceptiva de contraste xeneracional, se entornades os ollos veredes que se produce unha confluencia temporal entre a vellez e a mocidade.
Ver galería